Viaxamos no tempo cara 1988. Un mundo sen móbiles, sen redes sociais, sen pandemias, sen máscaras. Un colectivo composto por veteranos árbitros heroicos divírtese xogando ao que xurda, incluso dándolle patadas ao balón. Nada moi formal, que se diga. Chega un aviso dos compañeiros de Madrid, que queren facer unha visita á Coruña o ano seguinte. Hai que organizarse, pois non só de deporte vive o home. Hai que comer, cear e pasear de día e de noite. O presidente do Comité Galego, Óscar Medín, encárgalle o asunto a Jose Manuel Otero Areán, que se decate de que cómpre unha organización máis estable. De aí xorde a nosa acta fundacional.
“Con data de 23 de xaneiro de 1989, reunímonos un grupo de árbitros en activos e acordamos por en marcha un proxecto xa moi comentado entre nós, que é dar vida á agrupación Actividades Deportivas do Colexio Galego de Árbitros de Fútbol, fundada en 1975, á que lle decidimos cambiar o nome por Actividades Deportivas O Silbato.
Actividades Deportiva O Silbato ten como único obxectivo a unión dos árbitros entre si e a de organizar as seguintes actividades: partido de fúbol entre solteiros e casados, contra outra delegacións, campionatos de fútbol sala, de naipes… etcétera”
Nacera O Silbato, o que para os árbitros sempre será a peña. Aprobáronse as cotas e chegaron os socios, os primeiros partidos e a nosa primeira cea de fin de tempada, que co tempo se convertería no acto central non só da asociación, senón da Delegación da Coruña. Nese día recoñécemos o traballo dos ascendidos, a traxectoria dos xubilados e animamos aos que tiveron un ano malo.
Estes máis de trinta anos deron para moito máis do que aqueles fundadores podían soñar. Aqueles partidos iniciais deron paso no ano 2010 á organización anual do Torneo Nacional de Árbitros, que agardamos retomar no 2021. Xogamos ao tute, pero tamén aos bolos, ao futbolín e ao FIFA. Viaxamos por toda España compartindo experiencias e partidos de fútbol con compañeiros. Atopamos amigos alí por onde fomos ao tempo que nos fixemos máis amigos entre nós.
Cambiaron os tempos e as persoas, pero segue a idea de asubiarmos xuntos. Dentro do campo, pero tamén fóra dos terreos de xogo.
Podes ver máis da nosa historia aquí: