O pasado venres día 14 o Grand Prix Online chegou ao seu fin co Torneo de Tute.

A andanza polo torneo comezou pola fase de grupos, que deixou dúas sorpresas coa eliminación dos Juncales e dos expresidentes Noel e Represas. Se pola banda dos Juncales foi Yannick quen non estivo á altura cometendo erros impropios como saír de 3, na dos exmandatarios queixábase Noel da incompetencia do seu acompañante.

Menos sorpresiva foi pola súa banda a eliminación dos Vai de Bastos, parella composta por Rodrigo e Mosquera que bastante fixeron tendo en conta que descoñecían se é máis importante o 2 ou o 3.

O partido decisivo foi o que enfrontou na semifinal aos Costeiros (Sendón e Bruno) contra os Hackers (Óscar e Escri), xa que sería o encargado de decidir que 3 se subirían ao podio do Grand Prix.

As artimañas de Escribano e compañía non foron suficientes contra o control dos xogos de taberna dos costeiros, que se atoparon na final co Clan Fiuza composto por Juan e Álvaro, que pese a dar batalla tamén se viron desbordados.

Desta forma, tras 3 meses e 6 torneos Sendón alzouse, non sen sufrimento, co primeiro posto do Grand Prix Online, quedando acompañado no podio por Bruno e Óscar Núñez respectivamente.

A directiva quere agradecer a participación e colaboración dos máis de 40 socios que nos acompañaron nesta iniciativa que nos permitiu seguir compartindo momentos.

#AsubiandoXuntos