Este venres día 19 de marzo tivo lugar o Torneo de Parchís, que marcou o ecuador do Grand Prix Online.
Cun formato máis sinxelo ca os anteriores, sen rolda de repesca, os octavos estiveron marcados polo xogo amarrategui dos bloqueos. Sendón e Jandro non o souberon aproveitar e terán que remar na segunda metade do Grand Prix para manterse nos postos altos da clasificación.
Xa na rolda de cuartos, que sería a morte súbita, pereceu un Victor que demostrou que só pode gañar a golpe de billeteira. Tamén aquí caeu Escribano, quen recibiu acusacións dun impotente Cusset que non soubo perder con honor.
Nunha proba do importante que é a perseverancia e a fortaleza mental, chegaron á final Seoane, Noel e Óscar Núñez, que buscaban acadar o éxito tras 2 torneos quedando ás portas. A eles sumouse un Acuña que debutaba no Grand Prix presumindo da súa gran experiencia no xogo dos cubiletes.
Como non podía ser doutra forma, ningún dos finalistas quixo ser o primeiro en cometer un erro e o taboleiro estivo marcado pola pausa. Vítores e lamentos sucedéronse mentres as fichas avanzaban e é que, como poidemos ver durante todo o torneo, as 68 casiñas do parchís son molto longi.
Quen come calado come dúas veces, e ben o sabe o mediano do clan Fiuza, quen por medio da súa característica parsimonia se fixo co torneo, situándose colíder do Grand Prix xunto a Escri. Moi de preto seguiuno Seoane, que se tivo que contentar cunha segunda praza que o deixa terceiro na xeral, a un só punto da cabeza. Na agridoce loita polo bronce impúxose Acuña ante un Noel completamente superado.
Despois da Semana Santa, o venres 9 de abril, voltaremos co Torneo de Escoba, que encabezará a segunda metade do Grand Prix, con todo aínda por decidir. Stop e Tute irán despois.
Podes ver a clasificación completa do Grand Prix premendo AQUÍ
#AsubiandoXuntos